/ revista R

# reportaxe

Galicia marca tendencia na rede

Xunto co incremento da venda online, os blogs especializados en moda experimentaron un extraordinario auxe nos últimos anos. Algunhas das bloggers máis seguidas atópanse en Galicia, dende onde opinan, asesoran e mostran as últimas tendencias da temporada. O éxito radica no seu estilo persoal e na súa independencia das grandes marcas.

Tendo en conta os datos, parece que o tándem moda-internet é un binomio de éxito. Segundo o último informe da consultora DBK, a venda de roupa e complementos en portais web españois duplicouse no 2009, alcanzando os 195 millóns de euros. E tras o recente desembarco no comercio online de xigantes coma Zara, prevese que esta cifra se incremente notablemente a medio prazo. Os usuarios non só vencemos as reticencias ao comercio virtual, senón que gran parte das nosas decisións de compra son froito da influencia dos líderes de opinión da rede. O mundo da moda non é alleo a esta tendencia: as gurús do sector, normalmente mozas anónimas que dedican o seu tempo de lecer a escribir sen publicidade enganosa sobre o tema, son as máis consultadas e seguidas á hora de escoller os básicos do armario.

 

as it-girls galegas_Alexandra Pereira é a responsable de Lovely Pepa Blog [www.lovelypepablog.com], un dos espazos de autoría patria con maior tráfico de usuarios. “Descubrín por casualidade o mundo dos blogs de moda, nos que se mesturaba todo o que me gustaba: roupa, fotografía, creatividade… Daquela decidín crear un propio para lles poder transmitir aos demais a miña paixón”, explica esta rapaza de Vigo, estudante de Dereito Económico. Disto transcorreu máis dun ano e actualmente conta coa abraiante cifra de 8.000 visitas diarias. No seu caso, a súa notoriedade derívase das reportaxes fotográficas con outfits, é dicir, instantáneas cos seus looks para que os seguidores se inspiren nas súas propostas.

 

Polo momento, Alexandra non ten pensado dedicarse á moda de forma exclusiva. Non é o caso de Cristina Sánchez, do espazo Blog and Coffee [http://blog-andcoffee.blogspot.com], ou de Tamara Xesto, unha persoal shopper coruñesa que complementa o seu traballo cun blog persoal [http://tamaragesto.blogspot.com]. Cristina é psicóloga clínica e o ano que vén vai iniciar un máster en Comunicación de Moda e Beleza para se poder profesionalizar. Non é para menos. Blog and Coffee é unha das bitácoras máis valoradas polos internautas e foi recoñecida co premio ao Mellor Blog Galego de Moda que outorga a publicación Galicia de Moda. A través das súas entradas podemos analizar o vestiario das celebridades, coñecer os estilismos do momento e acceder a trucos de beleza. Tamara Xesto, pola súa banda, tamén ofrece entrevistas, consellos para seguir unha tendencia ou actividades ás que asistir, sempre dende un punto de vista diferente e matizado pola súa función de persoal shopper, unha profesión en auxe. “A xente quere vestir actual, pero sen perder o seu estilo, polo que chega un punto no que se preguntan ‘e isto como o poño’”, explica. Así, co asesoramento de expertos coma ela, a xente pode buscar solucións ao seu vestiario e sacar o máximo partido deles mesmos sen necesidade de quedar sen un can.

Outro caderno de referencia en Galicia cocíñase en Lugo baixo os mimos de Isabel Cendán, unha procuradora de 34 anos. Pero en Xanela Chic [www.xanelachic.com] a moda é só o punto de partida, xa que a súa responsable tamén ten oco para falar de viaxes, gastronomía ou outras afeccións. “Todo comezou porque facía os meus propios complementos de bixutería e decidín mostralos e vendelos en Internet. O blog pareceume a forma máis sinxela de facelo”, recorda. Iso si, aínda que non existen receitas máxicas para conquistar o favor do público, Isabel ten claro cales son os factores máis importantes: o traballo e a constancia. “Un bo blog debe estar coidado. A calidade das imaxes debe ser boa, ir ao conto nos contidos e, sobre todo, actualizar a miúdo”. Só así conseguen o factor clave: crear unha comunidade activa e participativa arredor delas.

pisando forte_Precisamente grazas a esta implicada comunidade de seguidores, que len e comentan cada unha das súas entradas, as bloggers conseguiron converterse nun lobby de influencia cada vez máis importante no sector da moda. Por iso, as marcas empezan a fixarse cada vez máis nas súas opinións e téñenas en conta para asistir a desfiles ou probar novos produtos. “Son moitos os deseñadores que se poñen en contacto connosco para nos amosar as súas coleccións ou convidarnos a showrooms. É un traballo de colaboración mutua”, apunta Erea Louro, unha coruñesa establecida en Madrid, estudante de Comunicación de Moda e artífice de All That She Wants [http://itsallthatshewants.blogspot.com], no que analiza as tendencias actuais e as adapta ao seu propio estilo. De feito, o seu paso pola última edición de Cibeles (unha das que máis atención lle prestou ao fenómeno blogger) materializouse en varias entradas coa súa opinión persoal sobre as novas coleccións e looks da temporada, cunha gran resposta por parte dos seus lectores.

 

Tamén a recente convocatoria da pasarela Pontus Veteris de Pontevedra lle prestou especial atención a este movemento, coa realización do Primeiro Encontro de Bloggers de Galicia. Fronte á publicidade e intereses creados das publicacións convencionais, os bloggers son, ao cabo, consumidores que comparten a súa experiencia, satisfactoria ou non. “Coido que o segredo do éxito é que non somos empregados a soldo. A nosa opinión sobre unha colección ou un produto de beleza baséase simplemente no noso caso persoal e iso ten unha maior credibilidade ante o lector”, apunta Isabel, de Xanela Chic. “A pesar de todo, necesitamos unha maior proxección. Aquí atópanse algunhas das bloggers máis importantes a nivel nacional e poderiamos achegar novas ideas para enriquecer este sector”, reclama Alexandra, de Lovely Pepa Blog.

Tamén a recente convocatoria da pasarela Pontus Veteris de Pontevedra lle prestou especial atención a este movemento, coa realización do Primeiro Encontro de Bloggers de Galicia. Fronte á publicidade e intereses creados das publicacións convencionais, os bloggers son, ao cabo, consumidores que comparten a súa experiencia, satisfactoria ou non. “Coido que o segredo do éxito é que non somos empregados a soldo. A nosa opinión sobre unha colección ou un produto de beleza baséase simplemente no noso caso persoal e iso ten unha maior credibilidade ante o lector”, apunta Isabel, de Xanela Chic. “A pesar de todo, necesitamos unha maior proxección. Aquí atópanse algunhas das bloggers máis importantes a nivel nacional e poderiamos achegar novas ideas para enriquecer este sector”, reclama Alexandra, de Lovely Pepa Blog.

 

A súa contribución a universalizar a moda, xunto co auxe da venda online, máis cómoda e accesible, é tamén outro dos factores cruciais que se encontran detrás do seu rotundo éxito na rede. “Ao final, do que se trata é de que levamos e transmitimos a nosa paixón pola moda á xente da rúa”, resume Cristina Sánchez. A impresionante resposta dos usuarios invítanos a supoñer que o fenómeno do blogger de moda non fixo máis que empezar e que Galicia desembarcou pisando forte.

 

por Mª Jesús Méndez

 

outros blogs con marca galega

Amlul. Bitácora en inglés da coruñesa Gala González. Conta con 4 millóns de visitas diarias [http://am-lul.blogspot.com/
Con zapatos rojos. Blog de Charo Rodríguez, unha pontevedresa estudante de moda en Esdemga [http://conzapatosrojos.blogspot.com/]
Envíame cartas. Diario persoal de Javier Manqueira, mozo pontevedrés apaixonado pola moda [http://enviamecartas.blogspot.com/]