/ revista R

# televisión R

entérate de todo o que se emite na tele de R

Consulta a programación nun intre co mando e na web. A nosa idea é que teñas sempre a man a información máis actualizada de todos os contidos que se emiten na televisión R.

Por iso pensamos que a mellor alternativa ao antigo caderniño de programación da revista R é, por unha banda, a miniguía da túa televisión R a través do mando e, pola outra, a nosa web. Ambas as dúas opcións levaranche á información máis actualizada das pelis, series e demais programas da grella de R e do seu servizo de vídeo baixo demanda (rebobina e catálogo).

mando R: miniguía (OK) e portal vídeo baixo demanda (VOD ou GUÍA)

1.- TECLA OK: acendes o teu desco, pulsas OK e coa miniguía podes consultar toda a programación de R. É moi sinxelo porque agora tes tres caixas diferenciadas:

  • miniguía rebobina (esquerda): se premes OK nesta caixa verás que programas de rebobina están dispoñibles. Mediante a frecha arriba/abaixo podes moverte polas canles das que se están a gravar contidos e con dereita/esquerda polos eventos seleccionados. Pulsando OK sobre un evento accedes á súa información e podes reproducilo e usalo coma se dun dvd se tratase (paralo, adiantalo, rebobinalo…).
  • miniguía agora (centro): permíteche navegar polos eventos que se están emitindo e que se van emitir nas próximas 24 horas en todas as canles da grella de R. Pulsando OK sobre un evento podes establecer un aviso, acceder á información estendida, sintonizar a canle, etc.
  • miniguía catálogo (dereita): accedes a un catálogo de películas “destacadas” do servizo de vídeo baixo demanda de R. Premendo arriba/abaixo verás diferentes categorías (arestora cine e música) e con dereita/esquerda moveraste pola listaxe de películas do catálogo. Unha vez seleccionada a peli podes consultar a información estendida, ver un tráiler (se está dispoñible) ou mercar e reproducir o filme ou o contido musical no seu caso.

2.-TECLA VOD: tamén podes acceder aos contidos do servizo de vídeo baixo demanda de R a través da tecla VOD (ou GUÍA) do mando R; entrarás nun portal onde tes todos os contidos dispoñibles tanto de rebobina como do catálogo R. Mediante pestanas escolles o que che interesa (rebobina, destacados, catálogo completo) e unha vez seleccionada unha opción podes navegar polos contidos, ver a información estendida, reproducir, etc.

hai canles que modifican a súa grella ata no mesmo día da emisión

a web de programación

A segunda alternativa interesante para consultar a programación da tele de R está en http://guiatv.mundo-R.com: alí accederás á grella de programación da televisión R e do pago por visión.

Que podo facer nesta web?:

  • Consultar que se emitirá en cada canle nos vindeiros 30 días. Malia os cambios imprevistos dalgunhas cadeas, a información actualízase diariamente para que sexa o máis fiable posible, cousa que non se pode facer nunha publicación escrita (como a nosa revista), onde os contidos redáctanse con semanas de antelación.
  • Crear unha grella personalizada de varias canles para consultar a programación.
  • Consultar a partir da canle /día (grella vertical no canto de horizontal).
  • Realizar buscas de contidos por canle, xénero, franxa horaria e incluso por texto libre (escribindo o nome dun actor, evento, etc).
  • Mandar alertas de SMS ou correo electrónico para lembrarche que non perdas un programa.
  • Xerar o mesmo texto que aparecía na revista dentro da pestana “revista” (por se alguén desexa imprimilo).

E a cousa non remata aquí porque xa estamos a lle dar voltas a outras ideas para que ben cedo poidas manexar a túa tele dende a web, coma se tiveses un mando virtual. Ou sexa, poderías, por exemplo, lanzar unha sesión de rebobina, acceder á información de vídeo baixo demanda ou mesmo decidir que eventos queres gravar (nun futuro gravador de vídeo persoal).

rebobina permíteche ver gratuitamente de novo algúns programas que se emitiron nunha serie de canles, sempre que os teñas contratados co teu combo. Tamén podes acceder ao principio dun programa se o colles comezado (sempre que estea marcado co símbolo play)

catálogo é unha escolma de novos contidos audiovisuais de primeira liña (algúns sen custo adicional e outros de pagamento) que poderás desfrutar cando queiras na túa tele