/ revista R

# reportaxe

emprendedores na rede converte a túa idea nun negocio

Unha startup é unha empresa de nova creación en internet cun gran potencial de crecemento. Non é preciso ir a Silicon Valley para atopar casos de éxito. 

Galicia é unha das comunidades máis destacadas neste sector e conta cun nutrido grupo de emprendedores que xa están liderando ambiciosos proxectos como redes sociais, servizos de xeolocalización, buscadores ou plataformas de compra-venda e pago seguro.

Iniciador Galicia [http://iniciador.com/] é unha asociación sen ánimo de lucro que exerce o papel de aglutinar e congregar todas as iniciativas empresariais galegas relacionadas con internet e as novas tecnoloxías a través de encontros mensuais en diferentes cidades. Os seus eventos caracterízanse pola asistencia dun relator de relevancia e a realización dun networking posterior de carácter informal onde saen a relucir novos proxectos, xorden sinerxías entre os asistentes e comparten experiencias entre emprendedores. As cifras falan por si soas: cada acto de Iniciador reúne unha media de 60 participantes, máis de 700 ao ano. As mesmas cifras manexa outro foro destacado do sector, LaconNetwork, que se celebra o último venres de cada mes en diferentes puntos de Galicia. “Estamos nun momento de eclosión”, afirma David Pombar, un dos fundadores de Iniciador Galicia. “Ademais, contamos cunha gran capacidade técnica e recursos humanos suficientes para que isto sexa posible”. Da mesma opinión é Martín Pérez, un dos artífices de Jobsket [www.jobsket.com], web galega dedicada á busca de emprego que sinala que “calquera persoa de fóra relacionada coa rede hache dicir o mesmo: «Pero que diaño pasa en Galicia que non paran de saír proxectos?»”. A clave parece estar en que os empresarios galegos están logrando superar a barreira da tradicional falta de cultura emprendedora tecnolóxica que había ata hai uns anos. Pero se ter unha boa idea é difícil, poñela a andar e conseguir convertela nun negocio rendible esixe un esforzo e unha dedicación que van máis alá do mero pasatempo de fin de semana.

perfil do emprendedor en internet_Adrián Mato é un dos mozos fundadores de Erasmusu [www.erasmusu.com/es]. Co título de Técnico Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas e tras un período traballando por conta allea, Adrián sentiu a necesidade de emprender a súa propia aventura virtual. “Meus pais puxeron o grito no ceo porque pensaron que era un simple hobby”, comenta. Pero Mato e os seus socios xa tiñan en mente unha idea de negocio: unha rede social orientada aos Erasmus e estudantes de intercambio de todo tipo, que funcionase ademais como unha axencia para xestionar a súa estancia e ofrecerlles información relevante para facerlles a vida máis fácil. Ano e medio despois, contan xa con 11.000 usuarios e a vitalidade da rede reflíctese nas máis de 250.000 fotos compartidas. Queda moito que facer antes de que o proxecto teña rendibilidade económica pero vai polo bo camiño.

“En España temos moitos funcionarios e é fundamental xerar interese e emoción por emprender”, afirma Enrique Barreiro Alonso, director da Escola de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, un dos patrocinadores de Iniciador. Adoitan ser mozos novos, coma Adrián, cos estudos recentemente acabados e que “ademais de teren a tecnoloxía, teñen unha idea”, continúa. Ideas innovadoras, por suposto, que se sitúan máis alá do que hai no mercado. Foi o caso de Martín Pérez, cofundador de Jobsket hai dous anos. “Tanto eu coma os meus dous socios estabamos cansos de como funcionaban os portais de emprego tradicionais, onde o candidato debe cubrir un montón de formularios”, explica. Tiñan claro que as cousas se podían facer mellor e naceu así Jobsket. “Baséase na tecnoloxía semántica. O usuario sobe o currículo en calquera formato ou importa o seu perfil de redes como Linkedin ou Xing”. Ademais, Jobsket tenta estimar o valor do teu currículo no mercado laboral baseándose nos teus coñecementos, e para as empresas é fundamental a automatización de procesos, posto que ao chegar os currículos o sistema analízaos e créanse estruturas de navegación para aforrar tempo. A súa baza é que ofrecen unha tecnoloxía innovadora cun gran potencial de usabilidade.

botarse o mundo ao lombo_“Abrir un negocio na rede é coma quen abre unha tenda no medio do Sáhara”, explica moi graficamente Martín Pérez, de Jobsket. “Seguro que che custa moi pouco, pero vas ter que guiar á xente cara a ti porque de inicio non existes”. O certo é que unha das principais vantaxes da emprender na rede é precisamente que os custos de establecemento son mínimos. “A diferenza dunha empresa convencional, podes crear un negocio só con tempo e coñecemento. Esixe un esforzo moi pequeno en relación coa súa potencialidade futura”, explica David Pombar, de Iniciador Galicia. “Internet non ten fronteiras, especialmente se o que vendes son servizos na rede”, continúa Martín. “Isto constitúe unha enorme oportunidade que Galicia non debería deixar pasar”. Non entende de xeografía. O principal escollo, no entanto, é darse a coñecer e o investimento en márketing e publicidade poden chegar a ser moi importantes. Este é un dos principais retos do sector, posto que a maior parte dos emprendedores son de perfil técnico e, habitualmente, non teñen experiencia e medios para promocionarse.

na procura de financiamento_Esta parte máis comercial, en opinión de Andrés Ribera, fundador de Ipoki [www.ipoki.com], “non é un hándicap, posto que se solucionaría con financiamento”, sen dúbida un dos principais retos do sector a curto e medio prazo. Moitas startups comezan na fin de semana e moitas delas pasan por esa obrigada fase de aforros familiares. Non obstante, é fundamental un financiamento forte e seguro para permitir que este sector se afinque definitivamente en Galicia. “O gran reto é a implicación da Administración pública e as grandes empresas para que este caldo de cultivo de negocios en internet se poida chegar a converter no novo sector téxtil”, explica Martín Pérez.

A intanxibilidade dun negocio a través da rede segue a ser un dos principais atrancos á hora de captar financiamento, posto que os investidores adoitan buscar modelos de negocio xa probados para que o risco sexa menor. Ademais, os xigantes deste sector si financian proxectos en etapas máis maduras, pero recomendan investidores locais para as fases semente. Este financiamento contribuiría, ademais, a mellorar a innovación e a frear a marcha de profesionais do sector cara a outras cidades de España ou do estranxeiro.

Pero pódese vivir de Internet? Á vista da cantidade de iniciativas e proxectos que están xurdindo nos últimos tempos, o certo é que, polo menos, os emprendedores galegos teñen xa o mundo como campo de xogo e son unha das comunidades máis activas deste sector.

 

por Mª Jesús Méndez