/ revista R

# nesta marxe

cociña 2.0, pratos de calidade para todos os gustos

Dende blogs sobre receitas e espazos que nos ofrecen opinións sobre restaurantes, ata as últimas novidades gastronómicas: trucos, consellos, ferramentas curiosas para a cociña, anécdotas e todo tipo información sobre produtos e concursos.

Está claro que hoxe en día hai moi poucas cousas —se é que as hai— que non poidamos atopar en internet. E en cuestión de gastronomía, os bloggers galegos teñen moito que dicir.

Para os que prefiren doce, para os que prefiren salgado; para os que son de carne, para os que son de peixe; para os que teñen tempo, para os que non o teñen; para os amantes dos mollos ou os das sobremesas ou os dos arroces... A blogosfera gastronómica galega ténchevos para todos os gustos.

No tocante aos blogs de receitas, atoparemos na rede unha variedade astronómica de pratos para triunfar en calquera ocasión e impresionar aos nosos amigos, parella ou familia. Conviven pratos altamente elaborados, propios dos restaurantes máis luxosos, con sinxelas receitas para lamber os bicos que ata os máis principiantes poderían cociñar.

A carta vai dende delicias da cociña tradicional galega ata propostas modernas e innovadoras, pero todas presentan unha característica en común: unha detallada explicación da súa elaboración paso a paso, apoiadas algunhas delas con imaxes de excelente calidade ou vídeos.

A maioría destes blogs recóllense dentro do Código Cociña, unha iniciativa galega presentada no Fórum Gastronómico de Santiago de Compostela no 2008, que quere garantir a publicación de contidos fiables e de calidade nos blogs e nas webs sociais de tipo gastronómico. Comparten uns principios básicos de autorregulación, como, por exemplo, a condición de diferenciar entre información e opinión subxectiva, de rectificar os erros cometidos e facer constar a autoría do contido non creado por eles, agás que a fonte orixinal indicase que non é preciso. Teñen a obriga de sinalar se o produto ou servizo do que falan lles foi remitido polo seu promotor ou se obtiveron beneficio do mesmo. Calquera que o desexe, pódese adherir [codigococina.org].

receitas con imaxes paso a paso_ Cristina defínese como unha “galega de pura raza, amante da súa terra, a súa xente, os seus costumes e a súa gastronomía”. A inclinación dende moi nova pola cociña, e especialmente pola repostería, levouna a desenvolver este blog coa intención de compartir coñecementos e, sobre todo, de aprender. Unha tarde “percorrendo milleiros de rúas por internet”, atopou casualmente una páxina na que se explicaba como facer un blog e decidiu crear Kanela y Limón [kanelaylimon.blogspot.com], que conta na actualidade con duascentas receitas explicadas con detalle e acompañadas de excelentes fotografías paso a paso. Aínda que ten pensado estender o seu blog ás redes sociais, descartou esta alternativa polo momento pola gran cantidade de tempo que require. Esta vilagarciana, que afirma que o único ingrediente necesario para ser un bo cociñeiro son as ganas e todo o resto pódese aprender, pensa que se algo sobra na nosa terra é inspiración, xente con ganas de traballar e calidade nos ingredientes.

Aperitivo: Empanada galega con forma de espiral
Primeiro prato: Ameixas á mariñeira
Segundo prato: Risotto á vainilla con vieiras
Sobremesa: Torta de queixo, chocolate e Baileys con froitos vermellos

receitas de éxito con selo ourensán_ “Receitas doadas dun galego amante da boa cociña” é o texto co que Alfonso López, que xa leva nove anos en Madrid, define o seu blog Recetas de rechupete, no sétimo posto na clasificación de blogs gastronómicos de España. Con preto de 550.000 páxinas vistas e 240.000 usuarios, ademais dunha importante presenza nas redes sociais (conta con máis de 6.500 seguidores en Facebook e 16.000 en twitter), este ourensán que elabora pratos tan “de rechupete” leva dous anos compartindo as súas xa case 300 receitas na rede para que todo o que queira poda desfrutar delas. Dende o puramente tradicional do seu primeiro prato, que foron as vieiras á galega da súa nai, a cociña de Alfonso incorporou alternativas de todas as nacionalidades.

Considera as redes sociais como unha das armas máis potentes do blog, unha prolongación do mesmo máis directa e dinámica. Pensa que aínda que a gastronomía galega sempre pasou por bo momento, a creatividade dos chef galegos augura unha época dourada da nova cociña galega. Para ser un bo cociñeiro recomenda: un kilo de predisposición, dúas cuncas de aprendizaxe, 300 gramos de experiencias (boas ou malas), dous botes de sensacións, un chisco de creatividade e unha boa presa de paciencia [recetasderechupete.com].

Aperitivo: Unha cata de aceites con varios tipos de pan.
Primeiro prato: Ensalada de marisco con brotes de leituga, tomate e ovo fiado
Segundo prato: Pasta arrabbiata
Sobremesa: Delicias de mazá con crema Franchipan

calidade fotográfica e gastronómica_ A Pamela, que reside actualmente en Bilbao, a terra tíralle. Aínda que está encantada na capital biscaíña, esta monfortina apaixoada da cociña volve a Galicia sempre que pode. Ela e J. son os creadores do blog Unodedos [unodedos.com], que conta aproximadamente con 125 receitas e ten unha media de 30.000 páxinas vistas ao día.

Filloas | Pamela Rodríguez Rodríguez, Unodedos

Dende os seus inicios como pinche da súa nai, ata a preparación de sobremesas cada vez máis elaboradas para a súa sogra, Pamela foi alimentando a paixón pola gastronomía que con esmero plasma neste receitario online. A mediados de febreiro decidiron estenderse ás redes sociais, pois parécelles unha forma moi amena de interactuar cos lectores, así como un novo modo de acercamento que se reflicte en novos visitantes ou contactos potenciais. Considérano unha parte esencial do seu blog, aínda que advirten que en ocasións pode ser complicado atender a tantas frontes á vez.

Os responsables de Unodedos pensan que a cociña galega tradicional, rica en ingredientes e sabores variados tanto en pratos doces coma salgados, non estivo valorada coma merece. Comentan que pouco a pouco estánse dando a coñecer os nosos pratos gracias a fantásticos cociñeiros que se preocupan por levar a nosa cociña a cada recuncho do mundo.

Aperitivo: Croquetas de cecina
Primeiro prato: Potaxe de fabas pintas
Segundo prato: Polo en pepitoria con shiitake
Sobremesa: Torta mousse de castañas e chocolate

diario persoal-gastronómico_ i-recetas xorde a raíz da idea de Pepinho de crear un blog no que combinar dúas das súas afeccións: o cine —de aí o enderezo web [larsvontrier.blogspot.com]— e mais a cociña. Co paso do tempo, unha afección devorou a outra e finalmente viuse intercalando divagacións sobre o día a día no medio das receitas, pois considera que para ler e descubrir receitas xa hai estupendos libros e un blog permite interactuar, comprobar os resultados, participar ou opinar sobre calquera prato.

Cañitas de laranxa | Pepe Calo D., i-recetas

Con case 500 receitas, o blog de Pepinho recibe entre 5.000 e 10.000 visitas diarias. O autor comenta que os bloggers gastronómicos son só unha pequenísima parte dos milleiros de persoas ás que lles gustaría difundir coñecementos e experiencias neste ámbito grazas a que manexan con relativa comodidade as novas tecnoloxías. Afirma que en Galicia hai moitísimas persoas con máis experiencia e ideas pero que lles cómpre axuda para plasmalas, e que aínda que a formación en novas tecnoloxías sería a mellor solución, poucas veces é posible. Segundo o blogger, que moitas destas persoas empregasen interlocutores sería unha boa alternativa para que non se perdesen esas receitas que doutro xeito han caer no esquecemento.

Aperitivo: Empanada de millo con berberechos e Polbo á feira
Primeiro prato: Sardiñas asadas na brasa
Segundo prato: Arroz con bogavante
Sobremesa: Filloas doces con nata e chocolate

Todas as receitas propostas podes atopalas nos blogs correspondentes. Bo proveito!.

 

por Aida Blanco

onde ir, onde comer

http://www.pantagruelsupongo.com

moito máis ca gastronomía

http://www.manuelgago.org/blog

con dous premios Álvaro Cunqueiro

http://www.colineta.com

de pequenos bocados

http://www.blogoteca.com/depinchos

especiais con castañas

http://urbanfooding.blogspot.com

exquisita presentación

http://acibecheria.blogspot.com

propostas para masas de pan

http://www.asopaipas.com

cociña tradicional

http://www.lacocinadelechuza.com

de restaurantes e chefs

http://laprendizdechef.blogspot.com

especial atención aos doces

http://obandullo.blogspot.com

blog colaborativo de lugares e produtos

http://www.laconada.com

premio Álvaro Cunqueiro

http://gourmetymerlin.blogspot.com

colaboradora do programa Come e fala da Radio Galega

http://berta-postres.blogspot.com

repostería caseira

http://consaboracanela.blogspot.com

recomendacións gastronómicas

http://acitc.blogaliza.org

con receitas da dieta Dukan

http://guisandomelavida.blogspot.com

para citas especiais

http://fogonesdelchi.blogspot.com/

para todos os días

http://cocinademiabuelo.blogspot.com

ampla variedade

http://www.fuchicandoenmicocina.blogspot.com/

aula de cociña Porto Muiños

http://auladecocinaportomuinos.blogspot.com

cociña para todos

http://aguasanta-micocina.blogspot.com

viaxe arredor da gastronomía

http://cocinalia.eu

nova cociña de aldea

http://fofan.org/cocina

recomendacións gastronómicas

http://galiciagastronomia.blogspot.com

receitas ovolactovexetarianas

http://delokos.org/

restaurante Portofino

http://susorodriguez.blogs-r.com

un cachiño doce

http://cachiodoce.blogspot.com

receitas doadas e rápidas

http://larpeireando.blogspot.com

receitas coa thermomix

http://recetasdesu.blogspot.com

cociña galego-andaluza

http://mialacena-afriloli.blogspot.com

cupcakes e moito máis

http://cocinaparapinuinas.blogspot.com