20 Gb para os teus arquivos na nube
En R gústanos preguntar tanto nas redes sociais como no noso blog por servizos aos que lles estamos dando unha voltiña, para saber a vosa opinión e tamén para que nos deades ideas. Se facemos algo interesante vós gañades tendo un servizo útil e nós ofrecendo algo que vos interesa, non si?
O caso é que hai uns días quixemos saber a vosa opinión dun posible servizo de backup online. En que consiste o asunto? Pois nunha solución que che permitiría ter unha copia de moitas das cousas que tes no teu ordenador: fotos, vídeos, documentos de traballo, facturas… Sempre existe o temor de que nos pase algo no equipo, se perda o que temos alí e despois nos lamentemos de non ter feito unha copia de seguridade.
A nosa idea é que o servizo o faga por ti, sen que te preocupes. Así, de xeito automático, as carpetas de fotos e documentos do voso ordenador terán unha copia na nube. Vamos, que están dispoñibles de forma virtual en internet para ti. Deste xeito, se algunha vez se estraga o disco duro e perdes o que alí tes, non hai fallo porque estará dispoñible durante 45 días para que o recuperes. Aínda que o teu portátil estea inservible, a información que tiña estará na nube para que a teñas de novo.
20 Gb gratuítos_O caso é que estamos pensando en ofrecer un servizo básico deste backup online de 20 Gb gratuítos entre os nosos clientes con seguridade R e axuda R (o servizo de axuda e consulta para calquera cousa relacionada con ordenadores e periféricos). É dicir, que se contas con seguridade R xa terías eses 20 Gb para facer copia dos vosos arquivos, fotos e demais na rede.
Moitos clientes comentaron que non lles gusta a idea de que haxa que ter seguridade R para poder contar con ese servizo de xeito gratuíto. O malo é que, despois de facermos contas, vimos que se llelo ofrecemos a todos os nosos clientes con internet (188.000), non poderiamos facelo de balde. De todos os xeitos, imos ver se podemos facer algo con este tema.
documentos sempre accesibles_Este servizo tamén che permite acceder aos teus arquivos alí onde te atopes e sempre que teñas unha conexión á internet. É dicir, así como antes era preciso levar documentos nun portátil ou nun disco duro para telos á man, agora sempre serán accesibles, independentemente do lugar no que te atopes. Ademais, con este sistema podes compartir tamén o que queiras con amigos ou familiares. Vamos, que as fotos que sacas nunha voda ou nunha celebración non teñen que andar pasando duns a outros na típica chave USB, senón que simplemente é preciso que autorices que os teus contactos as vexan.
espazo ilimitado_E como seica para algúns de vós 20 Gb é pouca capacidade, estamos pensando en ofrecer, aos que lles interese, un servizo ilimitado para PC de backup online. É dicir, non habería límite de datos ningún: 100 Gb, 700 Gb ou o que queirades. Iso si, este servizo tería un custo de 3 ou 3,5€+IVE ao mes (estamos a velo aínda).
ideas_En canto ás suxestións, tivemos un feixe delas e moi interesantes. Así, un seguidor dicía que vía o servizo cunha grande vantaxe respecto a outros semellante pois seica “polo feito de estar dentro da vosa propia rede, a velocidade podería ser maior que o límite da conexión a internet, especialmente no tema das subidas”. Vamos, que se faría a copia rápido e non tardaría a cousa. É algo no que incidiron moitos: en que ofrezamos un servizo con maior ancho de banda e que garanta tamén maior seguridade nos arquivos.
Outro usuario preguntaba se “sería sincronizable coma dropbox?”, e a verdade é que si, tería sincronización dende un dispositivo; o servizo sería accesible dende varios dispositivos e habería posibilidade de compartir o contido. Tamén nos preguntaban se funcionaría con Linux, e desta volta non, polo de agora só con Windows e Mac.
Agora toca valorar todas as vosas ideas e ver como facemos algo atractivo e útil para vós.
|
|